xoves, 28 de decembro de 2017

Nadal de conto na biblioteca

Noutras sesións de Nadal de conto os rapaces elaboraron con material de refugallo uns simpáticos reis magos e remataron de elaborar a árbore de nadal da biblioteca










 Así de bonita quedou a árbore de estrelas á entrada da biblioteca. Grazas rapaces!

Feliz ano e proveitosas lecturas para todos!

sábado, 23 de decembro de 2017

Club de lectura

O pasado xoves entre doces e viño escumoso celebramos o último club de lectura do 2017 onde falamos da obra Nosotras, que nos queremos tanto de Marcela Serrano.


É a historia de catro amigas chilenas durante a etapa da dictadura de Pinochet e a transición á democracia. As vidas de María, Sara, Isabel e Ana entrelázanse coa situación política da época e a novela, coma nun espello, reflicte as distintas realidades das mulleres na sociedade do país durante eses anos.
O amor, a búsqueda da identidade, a violencia política, os roles de xénero e os estereotipos son algúns dos temas que aparecen nesta historia.
Na reunión do xoves compartíronse opinións e visións moi diversas sobre o libro. Algunhas integrantes emocionáronse coas vivencias das protagonistas, a outras pareceulles que o paso do tempo non lle sentara moi ben á obra. Houbo unanimidade nas dificultades que por momentos se tiña para seguir o fío debido aos numerosos personaxees e os saltos narrativos. En calquera caso e coma sempre pasámolo moi ben  coa lectura.


Verémonos o 25 de xaneiro coa obra Astrid y Veronika de Linda Olsson.
Un ano fantástico compartindo lecturas!

xoves, 21 de decembro de 2017

Nadal de conto na biblioteca.

O pasado venres día 15, empezamos cos obradoiros de Nadal que xa son un clásico na programación da biblioteca. O alumnado de educación infantil foi o invitado, así coma os seus pais e nais. Todos participaron de xeito activo e botamos unhas risas.


Rosa iniciou a sesión de contacontos cunha historia moi vistosa sobre os Reis Magos.


Tamén houbo lugar para comentar sobre o Apalpador. Chegará ata aquí? Seica anda algo despistado, segundo nos informaron uns nenos. 



 Despois, Cris mostrou un conto sobre un granxeiro moi particular.





Un granxeiro que vivía nunha granxa pequena, con poucos animais e que se vestía moi abrigado e de cor vermello...


Tras os contos, veu a parte do obradoiro. 
Os peques e os maiores, demostraron a súa creatividade



Levaron para a súa casa os seus propios bonecos de neve. Mirade que chulada!





E tras os bonecos decoraron magnificamente unhas estrelas que formarán a árbore de Nadal da biblio. Aí tendes algúns dos participantes no obradoiro posando diante delas.
 



Pasámolo moi ben, a que si rapaces!?  
Boas festas e ata pronto.

martes, 12 de decembro de 2017

Coñece a túa biblioteca

O pasado martes 5 de decembro empezamos coas visitas guiadas á biblioteca do alumnado dos centros educativos do Concello de Caldas de Reis. Os primeiros en acudir foron os nenos e nenas de 5º e 6º de Educación Infantil do CPI Alfonso VII acompañados das súas profesoras.

 



Cristina díxonos o que hai que facer para comer un lobo...




Entre todos investigamos a que sabe a lúa.





Ainda que algúns nenos xa son caras coñecidas da biblioteca todos estiveron moi atentos ás explicacións sobre como facer o carné de préstamo.







Descubrimos que as xirafas poden bailar!
Moitas grazas pola visita!

martes, 5 de decembro de 2017

Horario

A BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL PECHARÁ OS DÍAS MÉRCORES 6, VENRES 8 E SÁBADO 9 DE DECEMBRO.

luns, 4 de decembro de 2017

Club de lectura

O frío non foi impendimento para ter unha agradable reunión do noso club de lectura, en torno ao libro La caída de los cuerpos de Maurice Druon. É o segundo título dunha triloxía que inaugurou con Las grandes familias pola que recibiu o premio Goncourt en 1948.





O fundimento de dúas grandes familias, por un lado os representantes da aristocracia, o clan de La Monnerie e por outro, o dos grandes burgueses, os Schoudler é o centro da novela. Pero cando uns caen, outros suben, e os que queren alcanzar a cima do poder van a facelo a costa de calquera cousa... 







 É, sen dúbida,  un retrato da sociedade francesa de entreguerras, coa peculiaridade desoladora de que a todos nos pareceu moi verosímil e cercano. Todas as épocas de crises se parecen?
Maurice Druon demostra o seu dominio da linguaxe ao realizar un relato moi visual e descritivo de xeito que facilmente imaxinabas as escenas. O pesimismo sobre a natureza humana está moi presente na novela xa que en case todos os personaxes prevalece o seu lado máis escuro.
Os membros do club de lectura souberon recoñecer a habilidade novelística do autor e alabaron as súas proezas estilísticas mais o tema político e o número elevado de personaxes fixo que para algunhas persoas a lectura fose entre pasable e entretida. Para outras, en cambio, o libro deixonas marabilladas.
O misterio das lecturas compartidas!
Para a seguinte reunión, a conversación xirará en torno a Marcela Serrano e a súa famosa novela Nosotras que nos queremos tanto.