venres, 23 de febreiro de 2018

Eli Ríos comenta Luns co club de lectura (aínda que fose xoves)

Sempre resulta difícil escribir unha entrada no blog referente a un libro lido no club de lectura cando temos a sorte de poder conversar con quen o escribiu, por temor a que se vaia a quedar curta á hora de transmitir as sensacións e aportacións deste tipo de encontros.
Na reunión do mes de febreiro a xuntanza xirou en torno a Luns, novela premiada co Torrente Ballester de narrativa en lingua galega no 2016.
A súa autora, Eli Ríos, tivo a xenerosidade de compartir con nós o seu tempo e coñecemento nunha reunión das que deixan pegada. O xoves 22 de febreiro será unha data para recordar.


Xa sabedes que nesta terra, todas as boas xuntanzas están acompañadas da comida. En Caldas non nos quedamos atrás e o noso famoso e riquísimo roscón estivo presente. Sabemos ben que Eli agradeceu o detalle, pois esta foto "roubámoslla" a ela!
 

A novela ten unha temática moi interesante que propiciou unha conversa sobre o feminismo, as redes sociais de afecto, o patriarcado, a educación, a urxencia de mudar posturas e facelo desde as raíces...
Son varios os asuntos sobre os que xira: malos tratos, anulación, machismo, conciliación, violencia médica... pero tamén hai humor e moito. É unha novela coa que te ris despois de que che agarrase o corazón. Na que sonríes tras deixarte sen alento. É unha novela das que non se esquecen. 






Houbo momentos de controversia e de exposición de diferentes puntos de vista. 
Canto apredemos os uns dos outros!


Eli Ríos agasallounos con documentación que complementou a súa fala que ao igual que a súa escrita, foi tan intensa coma interesante.
De aí, as nosas caras de concentración!



Cómpre destacar a estrutura e o deseño do material narrativo. Luns é un sopro de aire fresco que che golpea na cara e fai que abras os ollos e tendas as mans. Tras a conversa coa autora, xa sabemos entre outras cousas, da urxencia da creación dunha rede social de afectos. 
Tal vez, poidamos dicir o club de lectura da biblio de Caldas é unha pequena rede...ou grande?!

 


A pesar dos temas serios e urxentes dos que falamos gran parte da reunión, houbo momentos para as risas e as bromas, tal como podedes observar nas fotos.

 

Luns, de Eli Ríos, pertence aos fondos da biblioteca. Animámosvos a que veñades por ela. É unha novela visceral, coma tan ben a definiu a autora, que aportará emoción e sensibilidade a túa vida.
Que máis se lle pode pedir a un libro?





A magnífica portada é da autoría de Paula Gómez del Valle. O seu simbolismo e significado foi unha de tantas aportacións de Eli Ríos na reunión co club. 

Moitas grazas, Eli! E ata a próxima lectura.

Ningún comentario:

Publicar un comentario