sábado, 24 de marzo de 2018

Contos en boca de mulleres con Fátima Fernández


Dende terras lucenses veu ata as caldenses a narradora oral Fátima Fernández coa súa sesión de contos para maiores Contos en boca de mulleres.




 
A conexión co público foi total desde as primeiras palabras e debeu ser por iso que Fátima contou unha chea de contos vendo a boa reacción do público. Contounos contos onde mesturaba o humor, o erotismo e a emoción. Fame, emigración, pillería, sensualidade… e algún ingrediente máis fixo que a sesión de contos deixara moita risa e algunha bágoa de emoción. Foi un pracer escoitala e marabillounos a súa expresividade.
 
 



Deste xeito a biblioteca municipal quere facer unha pequena aportación que contribúa á celebración do día da narración oral, o 20 de marzo tal como o sinala o calendario do libro e a lectura da Xunta de Galicia. Tendo en conta que en marzo  tamén é o día da muller, unha sesión de contos protagonizada por unha muller, con contos onde o protagonismo femenino é importante viña moi ben para celebralo.
Recordamos que a biblioteca aposta polas sesión de contos para adultos desde fai moito anos e vén programando unha ao ano para demostrar que os contos non saben de idades

venres, 23 de marzo de 2018

Club de Lectura

Antes de comer o roscón de Pascua, o club de lectura da biblio reuniuse para comentar o último libro lido. O debate xirou en torno a La estratagema da autora búlgara Léa Cohen. Para todos os integrantes era a primeira vez que nos aproximábamos á literatura de Bulgaria e o resultado xeral foi satisfactorio, pasando do "gustoume moito" ao "encantoume" Tamén houbo a algunha persoa que non chegou a enganchar pero a maioría si que o fixo e con intensidade. 



 Esta novela, La estratagema, é a cuarta creación de ficción de Léa Cohen e foi nominada no 2006 para o premio á mellor novela búlgara. 


Tal como se nos informa na contraportada do libro, editado por Libros del Asteroide, é un thriller , unha novela de espías, unha historia de familias e unha novela histórica. En realidade, é todo iso e moito máis. Sorprende que o transfondo histórico sexa ca caída do Telón de Aceiro en Bulgaria pero tamén é unha novela onde se fala de exiliados, emigración, retornados, xudeos...

Unha estructura moi ben deseñada consigue que non nos perdamos entre os entramados dos protagonistas, catro familias víctimas das medidas antisemitas instauradas polo zar Boris III que continuaron sufrindo no rexime comunista e o seu obsesivo control sobre as vidas privadas.




As súas angustias e inxustizas afectará aos seus descendentes e todos están unidos por unha especie de tesouro que teñen que salvar. Conseguiránno? 

Animádevos a lelo. Non vos deixará indiferente.


A finais do mes de abril comentaremos La extraña desaparición de Esme Lennox de Maggie O´Farrell.




venres, 16 de marzo de 2018

Contos en boca de mulleres


Moito conto hai na biblio!

Moito Conto é o título da sesión de contos que nos veu da man e da voz de Ana Carreira. O venres a media tarde, un grupo duns vinte rapaces escoitaron, xogaron, riron e sorprendéronse cuns contos fantásticos.

Polos contos pasaron trasnos e pillabáns, lobos, galiñas que poñían ovos moi especiais, príncipes e princesas con sacos de garavanzos...



 Entre todos escachamos ovos, ouveamos mellor que os lobos,  trotamos aos lombos de cabalos máxicos...

 Foron contos moi interactivos, tanto para os rapaces como para os maiores, que botamos unhas boas risas...

E que ao fin, hai moitos mundo nos contos!










Rematamos a semana con contos e risas. Que ben o pasamos!
Ata a próxima, rapaces!





xoves, 1 de marzo de 2018

Concurso "Un conto de H. C. Andersen en cómic"




Coa ocasión do Día Internacional do Libro Infantil, a Organización Española para O Libro Infantil e Xuvenil, co patrocinio do Ministerio de Eduación, Cultura e Deporte, convoca o concurso "Un conto de H. C. Andersen en cómic". 
Consulta as bases no seguinte enderezo: https://www.oepli.org/gl/Dia-Internacional-Libro-Infantil
      ou achégate ata a Biblioteca Pública Municipal de Caldas de Reis.